Thursday 16 de May de 2024

Neda convoca axudas ao transporte para o alumnado universitario e de ciclos formativos do municipio


O Concello de Neda convoca axudas en concorrencia competitiva para colaborar coas familias con menos recursos económicos do municipio nos gastos derivados do transporte do alumnado matriculado no curso 2023-2024 en centros universitarios, ciclos formativos de formación profesional, bacharelato, e outros cursos de formación ocupacional que habiliten para o desempeño dunha profesión ou oficio.

Serán requisitos para solicita esta bolsa, ademais de estar matriculado/a para cursas os estudos sinalados, o empadroamento no municipio cunha antigüidade mínima de seis meses, estar ao corrente das obrigas tributarias municipais e pertencer a unha familia cunha renda per cápita mensual non superior a 400 euros.

As subvencións repartiranse entre as persoas beneficiarias ata esgotar os 2.000 euros do orzamento da convocatoria e “sen que en ningún caso o importe das axudas poda exceder da cantidade de 600 euros”.

O prazo para solicitar as axudas e presentar a documentación correspondente no rexistro xeral da Casa Consistorial arranca este venres e concluirá o 15 de novembro.